Sunday 05 de May de 2024

O Pleno de Moeche aproba o Plan de Acción para o Clima e a Enerxía sustentable


PACES. Ese é o acrónimo do Plan de Acción para o Clima e a Enerxía sustentable, ou o que é o mesmo, o documento que recolle as accións que deberá levar a cabo Moeche para axudar na súa medida a parar o cambio climático. O PACES é unha folla de ruta para conseguilo, partindo para iso dunha análise das fortalezas e debilidades do territorio en canto a emisións de CO² e propoñendo a partir de aí unha serie de medidas que sirvan para reducilas. O estudo e o plan de acción redactáronse nos últimos meses cunha axuda da Xunta de Galicia, despois de que o Concello se adherise ao Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía. Hoxe foi aprobado en Pleno co obxectivo de empezar a poñer en marcha de inmediato todas as indicacións recollidas no texto. Cómpre ter en conta, ademais, que dispor dun PACES será un factor puntuable á hora de recibir subvencións e axudas doutras administracións para calquera cuestión relacionada co ambiente e o aforro enerxético.

A consultora Taller de Estrategias Ciudadanas S.L., redactora do documento, tomou como punto de partida unha caracterización do territorio -aspectos demográficos, xeográficos, sociais, económicos e ambientais- acompañada dun inventario de emisións de referencia. Este inventario cuantifica e valora os consumos enerxéticos do propio Concello como Administración, das vivendas, da actividade agrogandeira e tamén da mobilidade, é dicir, cantos gases de efecto invernadoiro se calcula que emiten os vehículos que hai matriculados en Moeche.

Con esta información na man, a consultora engadiulle a variable do clima e unha proxección sobre a súa evolución nos próximos anos, coa finalidade de coñecer cal é o risco real de que se reproduzan asolagamentos, calores e fríos extremos e mesmo incendios forestais. Factores todos eles que son á vez resultado dese cambio climático que se tenta deter e para os que o todo o territorio debe estar preparado.

Xuntando a diagnose inicial e a avaliación de riscos e vulnerabilidades ante o cambio climático obtense a base para o deseño da estratexia xeral e os obxectivos PACES. Dito doutra maneira: que facer, como facelo e canto se estima que vai custar facelo. Neste momento estímase que as emisións de CO² de todo Moeche rondan as 6.445 toneladas equivalentes ao ano e o obxectivo xeral establecido no documento é rebaixalas nun 40% para o ano 2030.

O que propón o PACES -que usa a mesma metodoloxía en todos os municipios adheridos ao Pacto das Alcaldías- son dous ámbitos de actuación. Por unha banda establécense 23 medidas de mitigación das emisións en edificios e equipamentos -municipais, residenciais, empresas, granxas, etc.-, así como no transporte e na mobilidade privada. Neste apartado inclúese tamén a posibilidade da produción local de electricidade mediante renovables -paneis, principalmente- e o incremento na eficiencia na xestión dos residuos por medio da redución.

Por outra, o documento do PACES tamén fala das medidas de adaptación aos distintos niveis de risco de tipo ambiental, onde o perigo máis destacado son os incendios forestais e tamén as precipitacións extremas. Neste apartado aparecen 18 medidas -parte delas coincidentes coas de mitigación-, referidas ao ciclo da auga, ás edificacións e instalacións, ao medio ambiente e a biodiversidade, á mobilidade, á xestión dos residuos, á saúde, á silvicultura, á enerxía e a todo o relacionado coas emerxencias e a protección civil. O estudo agrúpaas todas en dous grandes ámbitos transversais: a xestión e valorización dos recursos forestais e a aposta pola denominada “infraestrutura verde”, que veñen sendo os ecosistemas que nos aseguran, entre outros beneficios, auga e aire limpos.

O PACES tamén trae unha boa presada de números nos que se cuantifica o custe económico de aplicar todas as medidas de mitigación e adaptación. O total ascende a 3.526.903 euros. ¿Vai haber que investir eses cartos nos próximos dez anos? Si e non. Esa cifra é unha cantidade teórica e hai que vela como tal, xa que nela se inclúen proxectos que o Concello xa fixo -cambio a luces led en varias zonas, extensión de redes de saneamento e abastecemento, promoción da compostaxe, etc.- e, ademais, outras actuacións que se desenvolvan nos próximos anos e que coincidan cos obxectivos definidos no PACES tamén se irán descontando deses teóricos tres millóns e medio.

O documento do Plan de Acción para o Clima e a Enerxía sustentable -que tamén se relaciona co cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU- foi aprobado no Pleno cos votos favorables do BNG e do PP.